O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2016 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, describe un innovador método de detección do parásito anisakis no peixe fresco, moi demandado pola industria pesqueira e polas autoridades de inspección alimentaria. O equipo galardoado forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en Vigo. O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para unha científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O elevado nivel das candidaturas levou nesta ocasión ao xurado a distinguir a maiores con senllas mencións honoríficas outros dous traballos realizados por matemáticos e químicos da Universidade de Santiago (USC).

A elección dos galardoados foi aprobada a finais de decembro en pleno pola RAGC, e os premios entregaríanse nunha cerimonia en xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegaron así á súa vixésimo quinta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

A investigadora Silvia Barja.

A investigadora Silvia Barja.

O equipo do IIM, formado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina, propón unha solución ao importante problema que representa o anisakis para unha industria estratéxica en toda Europa, e moi especialmente en Galicia. Os produtos do mar galegos son líderes no mercado español, no que, segundo a consultora Nielsen, se investiron 8.000 millóns de euros da cesta da compra só en 2015. O peixe fresco representa o 63% de toda a cesta de produtos do mar, na que o parásito anisakis ten unha presenza moi preocupante para os consumidores, a industria pesqueira e a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, que veñen demandando maiores esforzos de investigación para solucionar o problema.

O equipo científico do CSIC en Vigo é punteiro no mundo no estudo do anisakis

Atendendo a este requerimento, o equipo do IIM realizou unha investigación que derivou no deseño dun novo método de control rápido e específico para a detección de diferentes especies deste parásito, utilizando a espectrometría de masas aplicada á proteómica (análise de proteínas a gran escala). Este método supera as limitacións dos propostos ata o de agora, demasiado laboriosos e lentos ou incapaces de cubrir diferentes especies. En menos de dúas horas, é capaz de detectar as variedades de anisakis máis comúns, revelándose así como unha solución eficaz para que a industria pesqueira poida garantir a seguridade dunha ampla gama de produtos, xa que este parásito está presente en especies tan comerciais como a pescada, o bacalao, o xurelo, a xarda ou o calamar. Para realizar a investigación, o equipo utilizou mostras de anisakis procedentes da Unidade Técnica de Biobanco de Parásitos do IIM.

A maioría dos casos de infección por anisakis en humanos ocorren en Xapón, España, Italia, Sudamérica e Estados Unidos, ainda que a anisakidose se considera unha enfermidade infradiagnosticada e infradeclarada. Ata agora, os únicos tratamentos son os que atallan os síntomas e a extracción endoscópica das larvas por cirurxía. Para evitar a infección por este parásito é necesario conxelar ou quentar a máis de 60ºC o peixe, pero no caso das persoas sensibles aos seus alérxenos, que son resistentes ao calor e ao frío, estas medidas non serven, polo que a única solución é unha dieta libre de produtos do mar. O uso xeralizado do novo método desenvolvido polos científicos galegos achegaría un nivel de seguridade no consumo de peixe fresco capaz de eliminar estas limitacións.

O premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos, foi para Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS. Os seus estudos conclúen que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

Silvia Barja gaña o premio de investigadores mozos polo seu estudo da obesidade

O traballo forma parte da tese doutoral de Barja, dirixida por Luisa Maria Seoane, Rosaura Leis e Felipe Casanueva e foi publicado pola prestixiosa revista científica Scientific Reports e presentado no Congreso da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade. Con el, ábrese unha nova vía para abordar o problema do sobrepeso de carácter grave, que está considerado a epidemia do século XXI e que se está manifestando de maneira cada vez máis preocupante desde a infancia.

A investigadora do IDIS partiu do feito de que o estómago xoga un papel clave no mecanismo que autorregula o consumo enerxético no corpo e atopou que é precisamente na mucosa gástrica onde se segrega unha proteína capaz de converter a graxa branca (a que o corpo acumula) en graxa marrón (a que se queima para manter o corpo quente). Barja comprobou que a secreción desta proteína diminúe se a dieta é alta en graxa, e que , polo tanto, a capacidade do corpo para autorregularse está mermada en caso de obesidade.

O traballo da investigadora premiada abre a posibilidade terapéutica de modular a produción desta proteína no estómago a través de modificacións na dieta ou do desenvolvemento de fármacos que poidan complementar os rexímenes para perder peso ou a intervención de cirurxía gástrica, ata agora único tratamento efectivo fronte á obesidade.

Na categoría do Premio de Investigación, dirixida a científicos consolidados, concedeuse unha mención honorífica ao traballo sobre a función de Green realizado polos matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra.

A mención honorífica na categoría de investigadores mozos correspondeulle a Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, polo traballo de recoñecemento selectivo de longas secuencias de ADN con construcións peptídicas multicompoñentes.