Senén Barro

Senén Barro
Catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e membro da RAGC

Bruce Mazlish foi un prestixioso profesor do departamento de Historia do MIT. Un dos seus libros máis coñecidos titúlase A cuarta descontinuidade e nel fai referencia a unha clasificación feita por Sigmund Freud a principios do pasado século. Nela, o pai da psicanálise chama descontinuidades ás grandes decepcións que como humanos fomos vivindo ao fío do avance no coñecemento do mundo e do noso lugar nel. Copérnico descubriu que a Terra non era o centro do universo. Hoxe sabemos que o noso planeta nin sequera é singular no mesmo. Darwin desmontou a idea de que sexamos o resultado da creación directa dun deus. Aínda que moita xente crea e defenda o denominado “deseño intelixente”, a ciencia demostrou que procedemos da evolución biolóxica a partir de devanceiros comúns con outras especies que xa pouco teñen que ver connosco, salvo un mesmo tronco na historia da vida. Freud situábase como protagonista da terceira descontinuidade, a través precisamente da psicanálise. Non somos conscientes da maioría das cousas que ocorren no noso cerebro, senón que a consciencia apenas aflora unha parte pequena do que nos goberna e co que tentamos gobernar ou polo menos interaccionar co mundo que nos rodea.

Mazlish consideraba que a cuarta descontinuidade é aquela na que convivimos coas máquinas, que estenden as nosas capacidades, que nos deixan atrás naquilo para o que a evolución non nos fixo especialmente competentes, como o cálculo matemático e o razoamento lóxico, e achéganse cada vez máis ás capacidades máis humanas, como o razoamento de sentido común ou a creatividade. As máquinas van ocupando o espazo reservado á intelixencia humana e poden chegar a ser o noso álter ego e ata unha alternativa a nós mesmos. No límite isto suporía a perda da supremacía da intelixencia humana a favor das máquinas. É isto posible? A disciplina que busca unha resposta afirmativa a esta pregunta é a Intelixencia Artificial (IA).

Trátase dun ámbito científico –busca saber– e tecnolóxico –busca facer– relativamente recente. O termo como tal acuñouse en 1956, pero nos últimos anos está a acelerarse o ritmo do seu desenvolvemento e das súas achegas. Aínda que a intelixencia artificial comezou con intentos de modelar o pensamento humano como vía para avanzar tanto no coñecemento do noso cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo, a día de hoxe, despois de sucesivos períodos de luces e sombras, vivimos unha aproximación moito máis pragmática, que busca desenvolver sistemas que empregan a IA na resolución de problemas reais. Aínda que non temos aínda unha forma de cuantificar ou medir a intelixencia dun dispositivo, en xeral podemos dicir que unha máquina ou programa informático posúe intelixencia [artificial] cando dito sistema ten unha autonomía e riqueza de comportamento significativas en dominios dinámicos e complexos –un coche autónomo, por exemplo–, é capaz de aprender a través da experiencia adquirida sobre a contorna na que opera –un programa que mellora a medida que xoga ás damas connosco ou que identifica os nosos gustos literarios mentres navegamos pola rede– e/ou presenta un alto grao de competencia en áreas especializadas do coñecemento humano –un sistema experto nun dominio médico ou na concesión de créditos bancarios–.

DESTACADO: “A través da Intelixencia Artificial as máquinas xa son capaces de superarnos en moitas tarefas”

A través da Intelixencia Artificial as máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas e as expectativas son aínda maiores. Hai uns meses lin un artigo que analizaba unha ducia de inventos que ata fai ben pouco eran ciencia ficción, pero que xa están a cambiar as nosas vidas. Entre eles a metade tiñan unha relación moi directa coa intelixencia artificial: implantes neuronais, coches autónomos, computación afectiva –máquinas que senten e expresan emocións–, realidade virtual, asistentes persoais –eses con os que podemos interactuar de viva voz–, cifrado biométrico e robots cirúrxicos.

Sendo certo que a día de hoxe as máquinas, incluso as máis sofisticadas, están lonxe das competencias xerais dun ser humano, non o é menos que os seres vivos chegamos a ser o que somos debido a unha evolución extraordinariamente lenta e sen obxectivos a priori. Pola contra, nós somos capaces de deseñar con gran rapidez máquinas cada vez máis potentes e capaces e con obxectivos moi concretos. Ademais, neste camiño non é imprescindible que nos inspiremos na bioloxía. Igual que non é necesario simular o voo dos paxaros para sucar os ceos, tratar de imitar un cerebro humano pode non ser a mellor vía para obter unha “superintelixencia” artificial. Por outra banda, se chegamos a esa “superintelixencia”, as máquinas xa nos superarían á carreira porque terían unha capacidade exponencialmente crecente para deseñar á súa vez outras máquinas aínda máis intelixentes.

Isto suporía a plena consecución da cuarta descontinuidade enunciada por Mazlish; a primeira que vai máis aló do descubrimento do que somos e do que existe e xorde do que somos capaces de crear artificialmente. Sobre a viabilidade ou non deste “último fito humano” hai argumentos de todo tipo. O escepticismo abunda máis en persoas alleas ao campo da IA, aínda que sexan moi notables nas súas disciplinas respectivas. É o caso de Noam Chomsky, por exemplo, que considera que esta “singularidade tecnolóxica” é pouco menos que ciencia ficción. Pola contra Stephen Hawking dáo por seguro, aínda que, curándose en saúde, indica que podemos estar a un cento de anos de logralo. Pola contra, os investigadores do campo somos moito máis optimistas que quen traballa en ámbitos das ciencias biomédicas ou na psicoloxía. Quizais por pensar estes que a forma de lograr máquinas cunha intelixencia equivalente á humana é imitándonos a nós, aínda que isto non sexa nin moito menos necesario. Reitero o exemplo sobre como voamos as persoas fronte ao voar dos insectos ou dos paxaros. Sexa como for, e mentres buscamos logros maiores, a IA é cada vez máis natural nas súas capacidades e na normalidade coa que vai penetrando nas nosas vidas.