Para o ser humano, as praias adoitan ser un lugar de esparexemento, onde parece posible moverse con total liberdade sen facerlle dano a ninguén. Non en tanto, no medio da area, entre os restos de algas e as crebas, poden agocharse pequenos seres que moitas veces son vítimas do descoñecemento. Un deles é a píllara das dunas, unha pequena ave limícola que ten en Galicia o seu último reduto no norte da península Ibérica. Aniña e medra nas praias, polo que é moi sensible á acción humana e aos depredadores, principalmente o corvo pequeno.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), tamén coñecida como píllara papuda, está incluída como especie vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Estímase que na actualidade quedan pouco máis dun cento de parellas ao longo do noso litoral. Non en tanto, a súa presenza é moito máis habitual na costa mediterránea e atlántica andaluza.

A bióloga María Vidal leva xa 20 anos, desde 1997, percorrendo centos de quilómetros nas praias galegas para estudar á píllara. “Aniñan ao longo de toda a praia, desde a liña da marea ata a parte máis afastada do mar, e adoitan vincular os niños a algún resto de madeira, cunchas ou prantas para poder camuflarse”. Por isto, segundo advirte a bióloga, cómpre ter coidado coas limpezas exhaustivas nas praias, xa que no medio dos restos pódese agochar algún niño de píllara.

Píllara femia (á dereita) e macho (esquerda). Foto: María Vidal.

Píllara femia (á esquerda) e macho (dereita). Foto: María Vidal.

O período de cría dura arredor dun mes. “Son 24 días de incubación e seis de posta”, explica María Vidal. Os ovos están permanentemente incubados, “de día pola femia e de noite polo macho, porque este último ten cores máis vistosas e de día chama moito á atención”. Para previr o ataque dos depredadores, adoitan situarse en zonas con boa visibilidade.

Se á delicada situación dos niños se lle suma que o seu período de cría vai de marzo a xullo, coincidindo co aumento de afluencia ás praias, o perigo que causa a presenza do home aumenta. “O principal problema da píllara é a acción humana, en varios sentidos. Por unha parte, a maquinaria que ás veces percorre á area e, por outra banda, as mascotas, sobre todo os cans, que corren ceibos pola praia, algo que a lei prohibe“, sinala Vidal. Non hai que esquecer, con todo, a influencia dos depredadores, sobre todo do corvo pequeno (Corvus corone) e, en menor medida, raposos e xabarís.

A ameaza, con todo, non remata coa fase de incubación. Unha vez abren os ovos, as crías tardan uns 28 días en botar a voar, polo que fican totalmente indefensos na area. “O seu único modo de defensa e quedarse inmóbiles. Isto é efectivo contra os humanos, pero non abonda contra os cans, que se moven polo olfacto, ou contra outros depredadores, e tampouco contra a maquinaria. Desta forma, a perturbación do seu hábitat provoca que non poidan alimentarse correctamente e reduce as súas posibilidades de supervivencia”.

Niños de píllara protexidos e sinalizados en dúas praias galegas. Foto: María Vidal.

Niños de píllara protexidos e sinalizados en dúas praias galegas. Foto: María Vidal.

Precaución nos areais

Ante a magnitude do problema, a Xunta de Galicia aprobou en 2014 o plan de conservación da píllara papuda, na que se marcan as liñas mestras para a súa protección. Sinaláronse medidas para levar a cabo en preto de medio cento de praias con posibilidades de albergar niños de píllara. Ademais, establécense limitacións nos accesos, na presenza de animais domésticos ceibos e nas actividades deportivas e de limpeza e no movemento de maquinaria, entre outras. Aínda así, seguen sendo frecuentes os incumprimentos desta norma.

Por todo isto é preciso, segundo sinala María Vidal, concienciar ao conxunto da poboación da necesidade de ser coidadosos ao moverse polos areais. Aínda que nalgunhas praias se crearon parcelas de exclusión, con gaiolas que protexen os niños dos depredadores, os animais domésticos e os humanos, segue sendo aconsellable extremar as precaucións nos areais con maior presenza da píllara, como Carnota, Caldebarcos, Baldaio (Carballo), A Frouxeira (Valdoviño) ou Coroso e Corrubedo (Ribeira), entre outras.