A investigación defendeuse na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo en xuño de 2015, pero non foi ata marzo que os resultados se publicaron na revista Scientific Reports, unha das publicacións do grupo Nature. Falamos da tese de doutoramento da investigadora viguesa Carolina Gil, un estudo no que se sostén que a cor vermella da superficie de Marte podería deberse á forte oxidación xerada pola disolución de micropartículas de pirita nunha atmosfera sen osíxeno, o que xerou radicais libres que, á súa vez, induciron a precipitación de óxidos e sulfatos de ferro.

Carolina Gil (der.) con Daniel Clemens e Elisabeth Losa.

Carolina Gil (der.) con Daniel Clemens e Elisabeth Losa.

Asinan o artigo desta prestixiosa revista científica Carolina Gil, que na actualidade traballa como investigadora do CSIC no Centro de Astrobioloxía de Madrid; os dous directores da súa tese, o profesor Luis Gago Duport, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, e Alfonso Fernández Dávila, egresado da Facultade de Ciencias do Mar que desde 2006 traballa no Carl Sagan Center de California; Alberto González Fairén, investigador do CSIC e responsable do equipo no que agora traballa Gil e Elisabeth Losa Adams, investigadora que está a desenvolver unha tese sobre isótopos de litio en Marte na Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor Gago Duport.

“A tese defendeuse xa hai preto de dous anos, pero a publicación do artigo foise retrasando debido a que este tipo de publicacións científicas teñen uns tempos de revisión moi dilatados”, subliña Luis Gago, ao que engade que esta investigación se realizou ao abeiro do proxecto do plan nacional de I+D+i Xeoquímica dos procesos de oxidación anóxica en Marte e a Terra primitiva: o efecto catalizador das superficies minerais, concedido á Universidade de Vigo, do que el exerceu como investigador principal e que foi financiado con preto de 100.000 euros. “A tese financiouse grazas a este proxecto que o ministerio lle concedeu á Universidade e todos os experimentos que se levaron a cabo, así como o deseño específico de múltiples aparellos, fíxose dentro deste proxecto”, aclara Gago.

A Uvigo continúa a investigación con experimentos nun reactor nuclear

Esta investigación, centrada no estudo das nanopartículas de pirita, continúa na actualidade no Helmholtz Zentrum de Berlín, onde o grupo de investigación XM1 da Universidade de Vigo, ao que pertencen Luis Gago e Elisabeth Losa, está a realizar toda unha serie de experimentos nun reactor nuclear (small angle neutron scattering). “Fomos por última vez en outubro e esta semana comunicáronme que nos foi concedida unha nova estancia para o mes de xuño”, aclaraba Gago en marzo, e facía fincapé en que o seu grupo de investigación leva anos estudando múltiples cuestións relacionadas co denominado planeta vermello e colaborando, sobre todo a través de Alfonso Fernández Dávila, co Ames da Nasa, toda unha serie de traballos conxuntos que facilitaron a participación da Universidade de Vigo en diferentes estudos de referencia internacional sobre os biomenarais de Marte. “Na actualidade o que estamos a facer é medindo toda unha serie de características da pirita relativas á súa capacidade de oxidarse, algo para o que son especialmente útiles os neutróns, de aí as nosas viaxes a Berlín”, engadía o docente vigués.

Segundo os resultados da tese, “as reaccións químicas acuosas catalizadas por superficies minerais poden condicionar significativamente a evolución xeoquímica da súa contorna”, explica Carolina Gil Lozano, que explica que “durante a súa disolución, a pirita (o disulfuro de ferro máis común na Terra) é capaz de producir sustancias moi reactivas, entre as que se atopa o peróxido de hidróxeno (a convencional auga osixenada) e un conxunto de radicais libres moi inestables”, engade a investigadora, agora en Madrid.

Neste traballo investigáronse as vías de formación e descomposición das devanditas sustancias combinando experimentos de laboratorio e modelos numéricos. Para realizar os experimentos os investigadores do grupo XM1 da Universidade de Vigo deseñaron un reactor que lles permitiu rexistrar en tempo real medidas realizadas con sensores e con espectrofotometría en atmosferas controladas.

De forma xeral, os resultados obtidos revelan que ao longo da disolución de micropartículas de pirita pódese xerar un poder de oxidación notable a partir destes radicais libres, incluso partindo de atmosferas que non conteñen osíxeno, como parece ser o caso de Marte ao longo de toda a súa historia.