A Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo coordinan o proxecto Fire-RS, WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System, que cun financiamento con cargo ao programa Interreg próximo aos dous millóns de euros, implementará un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación do uso de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME 1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios. Coa participación da Universidade de Porto e do Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse, o proxecto Fire-RS, coordinado polo docente e investigador da Universidade de Vigo Fernando Aguado, ten unha duración de tres anos e previsiblemente será en 2018 cando se produza o lanzamento do satélite, iniciándose entón as probas cos vehículos non tripulados, os sensores de infravermello terrestres e o software de avaliación e predición do lume.

Na presentación pública do proxecto, que se celebrou en febreiro en Vigo, o reitor da Universidade, Salustiano Mato destacou a importancia deste proxecto para abordar, o que considera o problema máis importante que ten o país, “os incendios forestais que dilapidan o patrimonio dos nosos bosques. Un problema histórico e estrutural que ten moitas frontes”. Mato gabou o traballo que desenvolve a Agrupación Aeroespacial aplicando as tecnoloxías do espazo aos problemas de Galicia e apuntou que este proxecto internacional “supón un salto cualitativo”. Pola súa banda, Fernando Aguado lembrou os principais fitos acadados pola Agrupación Aeroespacial, con tres CubeSats enviados ao espazo, un femtosat case rematado e proxectos en común coa NASA e a ESA, ao tempo que, no caso concreto de Fire-RS, destacou a aposta “por un proxecto que integra as solucións máis actuais, como son os UAVs e os sensores”.

O satélite ‘Lume-1’ detectará os incendios axudado por una frota de drones

“Os sensores infravermellos, deseñados polo enxeñeiro industrial Miguel Castro, despregados nos montes detectarán de xeito temperán os lumes, desta forma o sensores xerarán unha alerta que, xunto coas condicións de vento de extensión do incendio e posición GPS, serán enviados ao satélite en tempo real, que a súa vez transmitirá esta alerta de lume o centro de control de vehículos non tripulados, que voarán ata a localización do incendio e farán unha caracterización do mesmo, coas cámaras que levan a bordo”, explica Franco Pérez, director do proxecto do satélite LUME-1. As imaxes son procesadas en tempo real, extraendo parámetros como a extensión exacta, características das lapas, condicións locais de vento e detección de elementos de perigo susceptibles de evacuación como casas, vehículos ou zonas de acampada.

Lume 1 será un cubesat.

Lume 1 será un cubesat.

Pola súa banda os UAVs incorporan transmisores que permiten extraer información adicional dos sensores de terra e comunicar os vehículos non tripulados co satélite e poder recibir datos sobre o incendio en tempo real. As imaxe procesadas en tempo real, xunto cos parámetros meteorolóxicos actuais e previsións, así como os mapas de vexetación da zona e mapas dixitais de elevación do terreo, son incluídos na ferramenta de modelado e predición de incendios, para realizar, tamén en tempo real, unha avaliación, da dirección de avance do lume e predición do seu comportamento, para que sexa comunicado ás brigadas e servizos de emerxencia, para que podan acudir á zona con máis información e predicións fiables do comportamento do lume.

Mentres a Agrupación Aeroespacial se encargará do desenvolvemento do satélite Cubesat LUME-1, “onde incluímos produtos moi innovadores implementados 100% por nós no campo do Software Defined Radio e as comunicacións de maior taxa coa inclusión de sistemas en Banda-S”, explica Franco Pérez, o Grupo CIMA, baixo a coordinación de Isabel Fernández e Miguel Castro, centrarase no sensor infravermello terrestre, ademais da xestión económica e organización do consorcio e todas as actividades de divulgación e comunicación do proxecto. Pola súa banda, a Universidade de Porto desenvolverá os UAVs e cámaras infravermellas e o LAAS-CNRS o software de avaliación de predición de comportamento dos incendios forestais.

Os responsables de Fire-RS destacaron a novidade deste proxecto, que, non obstante, utiliza todo o coñecemento adquirido ao longo dos últimos case dez anos e os tres lanzamentos de Cubesats. Este satélite inclúe maior complexidade ao incorporar sistemas avanzados de determinación e control orbital, para poder realizar apuntamentos precisos. A reutilización do concepto Humsat das anteriores misións espaciais levadas a cabo na Universidade de Vigo segue presente neste proxecto, no que a recollida de datos a través de terminais remotos realízase do mesmo xeito que se facía en misións anteriores, aínda que incluíndo adiantos moi importantes nas capacidades do sistema.