“Gústanme os retos e non teño medo, por iso tamén no seu día me metín no tema da empresa”. Así explicaba desde Bruxelas a catedrática da Universidade de Vigo África González a súa decisión o pasado mes de novembro de presentar a súa candidatura como fundadora da spin-off Nanoimmunotech aos premios Women Innovators 2017 da Comisión Europea. A tamén directora do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, foi seleccionada xunto a outras 11 mulleres como finalista dos galardóns europeos que o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, premiaron a catro mulleres, unha delas nunha nova categoría dedicada ás mozas innovadoras de menos de 30 anos e que percibiu 20.000 euros, mentres que as outras galardoadas recibiron 100.000, 50.000 e 30.000 euros, respectivamente. González quedóuse finalmente ás portas de lograr un dos galardóns .
Para África González, á quen Comisión Europea recoñeceu o seu labor como co-fundadora dunha empresa de éxito baseada nunha idea innovadora, figurar entre as finalistas ao galardón “é un orgullo e unha gran satisfacción e ademais somos catro finalistas españolas co cal a alegría é maior porque as posibilidades de que llo dean a unha española son altas”, aseguraba tras ser seleccionada finalista, ao tempo que recoñecía o elevado nivel das outras 11 candidaturas finalistas do total de 47 que se presentaron a esta edición dos premios.
“As doce finalistas son innovadoras con talento, con interesantes historias que contar sobre como rachar barreiras e tomar riscos. As súas historias poden inspirar a outras mulleres e homes para converterse en innovadores”, asegurou o comisionado para Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, no acto celebradoen xaneiro en Bruxelas, no que se deron a coñecer as finalistas dos premios deste ano 2017. Xunto ás catro españolas (Gema Climent, Gemma Galdón e Isabel Trillas, ademais de África), as restantes candidatas aos premios proceden de Francia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Italia e Bulgaria. O obxectivo destes galardóns é sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da innovación e de mulleres empresarias e recoñecer os éxitos femininos na innovación.

África González, sétima pola esquerda, co resto das finalistas.
Vendas de máis de 100.000 euros nos últimos anos; ter recibido axudas europeas e sobre todo o carácter innovador, son os principais requisitos que deben cumprir as empresas impulsadas polas promotoras das iniciativas que concorren ao premio. As propostas foron avaliadas por un xurado formado por expertas e expertos independentes dos ámbitos empresarial, de capital risco, do emprendemento e o académico, ante o que África González e as outras 11 finalistas realizaron unha exposición de 15 minutos para a continuación someterse a unha quenda de preguntas de media hora. No caso da catedrática da Universidade de Vigo, centrou a súa exposición sobre Nanoimmunotech na importancia da multidisciplinariedade no ámbito da nanotecnoloxía, así como na necesidade de prover ao mercado de produtos nanotecnolóxicos ben deseñados e sobre todo o carácter innovador da empresa e o seu impacto social.
Hai sete anos, por iniciativa de cinco cofundadores e inversores, nacía Nanoimmunotech, unha empresa spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza, centrada no ámbito da nanotecnoloxía. A empresa, que a día de hoxe integran preto de 30 persoas, localizadas en Vigo, Zaragoza e Madrid e que acadou en 2016 uns ingresos de 0,6 millóns de euros, desenvolve e comercializa produtos e tamén ofrece servizos á carta, con distribuidores e clientes en máis de 45 países, centrándose na actualidade en catro áreas principais: Heatsens, un biosensor moi específico para a detección rápida de diversos analitos nos ámbitos clínico e agro-alimentario; a medicina rexenerativa; os estudos de biocompatibilidade de nanomateriais e a oferta de servizos para unir a nanomateriais elementos como anticorpos, enzimas, elementos fluorescentes e o deseño de nanoestruturas como nanopartículas magnéticas recubertas de ouro, únicas no mercado.