Investigadores do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) publicaron un traballo no que amosan unha estratexia que demostra o illamento de células tumorais circulantes (CTCs), as células responsables das metástases, a partir da sangue de doentes con cáncer de próstata, mama e colon metastásico. O estudo, realizado en colaboración co INL de Braga, publicouse en Plos One, unha das revistas de maior impacto do mundo.

A investigación está asinada como autora principal por Clotilde Costa, científica do IDIS, e nel tamén participan outros investigadores do grupo que dirixe Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago.

O novo marcador detecta antes a presenza de células responsables da metástase

Segundo explicaba Clotilde Costa, “o procedemento baséase no inmunoillamento das células tumorais empregando un marcador alternativo en combinación ao marcador que se emprega de xeito estándar: este marcador, o EpCAM (unha molécula epitelial), combinouse por tanto co receptor de membrana EGFR (“Epitelial Growth Factor Receptor”).

Amais, segundo revelou o estudo, os doentes nos que se detectan CTCs positivas co novo marcador, o EGFR, presentan un peor prognóstico da enfermidade. “Polo tanto propúxose EGFR como marcador alternativo a EpCAM para o illamento destas CTCs e como marcador prognóstico de enfermidade”, explica Costa.

Actualmente, os métodos de illamento de CTCs baséanse nas características epiteliais destas células pero presentan limitacións, posto que as células sofren cambios na expresión dos seus marcadores durante os procesos de metástase, polo que tamén se producen cambios nas súas características que lles permiten moverse libremente polo torrente sanguíneo desde o tumor primario. Deste xeito, “facilítase” a diseminación destas CTCs.

Segundo explican desde o IDIS, ao tratarse dun proceso dinámico, basear o illamento únicamente nunha molécula epitelial como a EpCAM limita moito a técnica, o que provoca que en algúns casos non se poidan detectar as CTCs aínda que xa estean presentes na sangue. Con este novo método, por tanto, supérase o alcance dos métodos de detección actuais.