O Grupo Geoma (Geología Marina y Ambiental) leva anos estudando a topografía da Conca Interior de Galicia, unha profunda depresión submarina de máis de 3000 metros de profundidade que se estende do norte ao sur a uns 100 quilómetros da costa galega co obxectivo, entre outros, de avanzar na reconstrución do clima a partires de sedimentos e datos oceanográficos. Froito destes traballos o equipo acaba de confirmar chegadas periódicas de masas de auga doce a toda esta extensión durante os últimos 80.000 anos (a época da última glaciación, a de Wurm), o que pon de manifesto a importancia desta zona para desentrañar un dos grandes enigmas da climatoloxía de era Cuaternaria: que causa e como se produce a desintegración do casquete norpolar que inunda periodicamente o Atlántico norte dunha auténtica armada de icebergs.

Os integrantes do grupo Geoma.

Os integrantes do grupo Geoma.

Os resultados serán publicados no próximo número da prestixiosa revista científica Earth and Planetary Science Letters e están xa dispoñibles na versión en liña da revista. “Este traballo ten trascendencia para comprender mellor cales serían as consecuencias e como se desenvolvería o cambio climático que tería lugar si prosegue a tendencia de quentamento global de orixe antropoxénico”, apunta Daniel Rey, investigador principal do grupo Geoma, ao tempo que explica que a fusión dos bloques de xeo non Atlántico norte deixa un resto de detritos –partículas de pequeno tamaño que resultan da erosión das rochas- nos fondos da zona central do Atlántico –chamado Cinto de Ruddiman- que altera de xeito brusco a circulación oceánica profunda e cambia o clima da Terra.

A investigadora do programa de doutoramento de excelencia Do*Mar do Campus do Mar Maider Plaza-Morlote e o resto de coautores do artigo (compañeiros de Geoma e tamén das universidades de Aveiro, Nacional de Australia e do Estado do Río de Xaneiro) achábanse estudando os restos deixados pola fusión destes icebergs, baixo o proxecto do Plan Nacional GALINCLIMARCH dirixido polo profesor Daniel Rey, cando descubriron o rastro deixado por augas fluviais orixinadas pola fusión das masas de xeo continentais que ocuparon a metade setentrional de Europa durante a última glaciación.

A presenza de grandes masas de xeo fixo que os ríos vertesen nunha única conca

“O descubrimento corrobora a hipótese de que a fusión das masas de xeo noratlánticas é o resultado dun cambio climático brusco, máis que a súa causa”, recalca Plaza-Morlote, que explica que durante a última glaciación produciuse a coalescencia das masas de xeo que ocuparon as Illas Británicas e o escudo Fenoscandio (formado por península escandinava, a península de Kola, Carelia e Finlandia) na Conca do Mar do Norte. Esta circunstancia canalizou a drenaxe dos ríos centroeuropeos cara a unha única canle denominada o Channel River, creando así un dos sistemas fluviais máis grandes que xamais existiron no continente europeo. “Esta reorganización dos sistemas fluviais orixinou descargas moi importantes de auga doce no Golfo de Biscaia . O que non se sabía ata agora é que o caudal destas descargas era tan importante como para alcanzar o noroeste peninsular, o que demostra a súa capacidade para perturbar a circulación oceánica profunda”, explica a autora.

Malder Plaza Morlote

Malder Plaza Morlote

A detección das masas de auga doce foi posible combinando o estudo das propiedades magnéticas e da composición elemental e isotópica do sedimento a través duns indicadores específicos denominados proxies paleoclimáticos. “Todas as augas oceánicas transportan en suspensión un conxunto de pequenísimas partículas magnéticas de escala nanométrica resultantes da erosión das rochas nas súas áreas fonte. A xeoloxía de cada zona produce de forma natural un conxunto de nano minerais con propiedades magnéticas singulares que permiten identificalas no rexistro sedimentario”, explican os integrantes de Geoma, grupo impulsor e referente internacional no emprego destas técnicas para producir proxies non baseadas en nutrientes de utilidade en paleoceanografía. O desenvolvemento e calibración deste tipo de proxies é un dos retos que afronta a disciplina para poder cuantificar os parámetros paleoceanográficos na próxima década.

O traballo pon tamén de manifesto a singularidade dos rexistros sedimentarios da Conca Interior de Galicia, un trazo morfoestructural da Marxe Continental de Galicia que se atopa a entre 2800 e 4000 metros de profundidade e que forma un amplo val en forma de artesa de 100 km de ancho por 400 de longo que se estende entre a plataforma continental de Galicia e os denominados Bancos Occidentais -Banco Galicia e os relevos submarinos de Vasco de Gama e Oporto-. “A súa situación xeográfica é idónea para estudar os drásticos cambios na circulación oceánica que teñen lugar durante os ciclos glaciar/interglaciar e a súa distancia das grandes masas de xeo actúa como un filtro de baixa frecuencia que só rexistra os eventos de descarga de xeo máis importantes, proporcionando sinais paleoclimáticas máis claras”, recalcan os autores do estudo.