Rosalía de Castro é, dende 1994, un cráter do planeta Venus. A Unión Astronómica Internacional (UAI) decidiu bautizar con nomes de muller os accidentes xeográficos do segundo mundo do Sistema Solar. E así lle deron o nome da autora de ‘Cantares Gallegos‘ a un cráter de impacto de 22,6 kms de diámetro situado no punto de latitude 3,4 graos Norte e 233,9 de lonxitude.

Venuspioneeruv

A UAI fixo unha convocatoria internacional para que astrónomos afeccionados propuxeran nomes de mulleres vencelladas ao mundo da cultura. E aquí tivo especial protagonismo Henrique Pujales, director do obradoiro de astronomía que se realizaba no Instituto Fernán Esquío de Neda. Pujales escribiu á Unión Astronómica propoñendo o nome de Rosalía e acompañando a petición cunha biografía da poetisa. A proposta foi aceptada e dende 1994 un cráter de Venus leva o nome de Rosalía de Castro.

Venus foi sempre considerado un planeta irmán da Terra, por ter un tamaño similar. Pero a súa superficie ten unha temperatura media de 463 grados. E o único parecido entre o cráter Rosalía de Castro e Galicia pode ser que está cuberto de nubes. De feito, estas masas nubosas impediron tradicionalmente a observación da superficie venusiana, que non foi enteramente cartografada ata a chegada da sonda Magalhães da NASA, en 1990, o que posibilitou que se puidera dar nome aos seus accidentes xeográficos. As nubes de Venus están formadas, en parte, por ácido sulfúrico. E posibilitan, xunto coa súa proximidade ao Sol, que sexa o obxecto máis brillante do ceo nocturno, xunto coa Lúa e a Estación Espacial Internacional.