Os inventores precoces da Galiciencia sorprenderon un ano máis coa súa creatividade e capacidade para detectar e solucionar problemas da vida cotiá a través da ciencia e a tecnoloxía. Un total de 75 proxectos expuxéronse entre o 16 e o 18 de novembro de 2016 nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense). O certame, que afrontará este ano a súa duodécima edición, conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Foto de familia dos finalistas de Galiciencia.

Foto de familia dos finalistas de Galiciencia.

Foi unha cifra récord, xa que se recibiron máis de 100 propostas, das que se escolleron as 75 mencionadas; 50 delas de Secundaria e as outras 25, de Primaria. Para desenvolver o seu traballo, os mozos e mozas contaron coa colaboración de expertos de universidades e centros de investigación. Entre eles atópanse investigadores das Universidades de Vigo e A Coruña, do Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Lourizán, da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

A saúde, o medio ambiente e a accesibilidade para persoas con necesidades especiais foron algúns dos temas máis populares da edición. Un pastilleiro intelixente para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou a reutilización de toalliñas húmidas como material de recheo en edredóns e chaquetas foron algunhas das innovadoras ideas que desenvolveron os participantes.

Os gañadores

O primeiro premio de Galiciencia foi para Manuel Porto, do colexio Compañía de María de Santiago, por un dispositivo de control de abuso de auga no fogar. O segundo lugar foi para Natalia Fariña, do colexio As Revoltas de Cabana de Bergantiños, polo deseño dun “Espantallo 2.0”, impreso en 3D e con luces LED para espantar aos paxaros. En terceiro lugar quedou Isabel Sáinz, do IES Plurilíngüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, cun estudo do fluxo de muóns con respecto ao seu ángulo cenital de incidencia
Tamén se entregaron varias mencións en diversas categorías. Os estudantes Miguel Rodríguez e Martín ansia, das Aulas Tecnópole, foron recoñecidos polo seu sistema de análise da calidade do aceite usado a través de técnicas de espectrofotometría. Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de percepción somatosensorial mediante estimulación vibrotáctil en persoas xordas, de José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo. Pola súa parte, o estudo da biodiversidade do río Lagares, realizado por Aixa Fernández e Paula Figueroa, do , CPR Plurilíngüe Alborada de Vigofoi merecedor do premio á mellor comunicación e presentación do stand.