O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro, presentaron o 21 de decembro a Cátedra de Divulgación Científica “Isabel Zendal”.

Nun acto celebrado no Paraninfo da UDC, o escritor Javier Moro e o xornalista Antonio López Mariño impartiron unha charla sobre Isabel Zendal e a Real Expedición Filantrópica da vacuna. Isabel Zendal foi enfermeira do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de varíola de Francisco Xavier Balmis ao coidado dos 22 nenos de entre tres e nove anos da Casa de Expósitos da Coruña que foron desde A Coruña a México e dos 26 que foron desde Acapulco a Filipinas durante os dez anos que durou a expedición para levar a vacina a América. TVE gravou recentemente unha serie sobre esta expedición, na que Zendal é interpretada pola viguesa María Castro.

Na presentación da cátedra entregáronse os premios Expociencia 2016

Finalmente, este acto organizado pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC pechouse coa entrega de premios de divulgación científica Expociencia 2016, que se convocaron coa colaboración da Deputación da Coruña. A primeira convocatoria destes galardóns constou de tres modalidades: pósters innovadores que respondan a preguntas de ciencia básica e aplicada; fotografía científica e traballos audiovisuais. Así o xurado decidiu, na categoría de Póster innovador, entregar o primeiro premio a “Las mantis ateas”, de Marta Ramírez Angulo e o segundo premio a “Contaminantes emerxentes: os ftalatos”, de Ana Isabel Mañán Rivadulla, e un terceiro premio para “Mechanical characterization of structural adhesives for crashworthiness Applications”, de Mario de Lucio Alonso.

Na modalidade de Fotografía científica, o primeiro premio é para “As cores dos anfibios” de Pedro Vázquez Álvarez; segundo premio: “Salud y medio ambiente”, de Silvia Veiga Seijo e Raquel Veiga Seijo; e terceiro premio: “A vida do outono”, de Antía Pintor Labandeira. E na modalidade de Traballos audiovisuais entregaouse o primeiro premio a “Vida entre roca y marea” de Carlos Veloy Domínguez.