O grupo de innovación docente CienciaNOSA da USC publicou a nova versión en galego da Táboa Periódica dos Elementos, un documento que está accesible en liña na páxina web da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Esta nova achega é froito dun traballo realizado polos docentes e investigadores do Departamento de Química Inorgánica da USC Manuel R. Bermejo, Marcelino Maneiro e Ana M. González Noya, no que se recollen os novos elementos incorporados pola International Union fo Pure an Applied Chemistry (IUPAC) á Táboa Periódica dos Elementos, así como os seus nomes estes novos elementos así como outras recomendacións recentes deste organismo internacional, tal e como é o uso de lantanoides e actinoides en lugar de lantánidos e actínidos.

A finais do ano 2016 a IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry) publicou a táboa periódica cos 118 elementos químicos con nomes e símbolos aceptados. Os novos elementos incorporados foron o nihonio (Nh, Z = 113), o moscovio (Mc, Z = 115), o ténnesso (Ts, Z = 117) e o oganesson (Og, Z = 118).

O grupo CienciaNOSA realizou esta versión galega da táboa dos elementos

A nomenclatura proposta para estes novos elementos da táboa periódica deriva, respectivamente, de Nihon, un dos termos cos que se denomina Xapón, sede do instituto Riken no que se desenvolve investigación nos elementos transuránidos; de Moscova, rexión rusa onde ten sede o instituto JINR de Dubna; de Tennesse, estado norteamericano onde teñen tamén sede distintos centros de investigación nuclear, e de Oganessian, científico ruso que dirixiu o laboratorio de Dubna onde se detectaron varios destes novos elementos.

O grupo de innovación docente CienciaNOSA, do que actúa como coordinador Marcelino Maneiro, profesor da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, recoñece e agradece a contribución e o asesoramento lingüístico recibido para a elaboración da nova versión galega da Táboa Periódica de Elementos por parte de Xusto A. Rodríguez, responsábel da área de Terminoloxía da USC, e do profesor Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.