O buque de investigación (BO) Sarmiento de Gamboa partiu en novembro do Porto de Vigo rumbo á Antártida para dar apoio loxístico ao desenvolvemento da campaña antártica española 2016-2017 e á finalización das obras de remodelación da Base Antártica Española Juan Carlos I. Durante varios meses, o barco con base en Vigo contribuíu á apertura das bases Juan Carlos I e Gabriel de Castilla, ademais de dar apoio á XXX campaña antártica española. Durante a campaña antártica española 2016-2017 a actividade científica desenvolverase nas Infraestruturas Científicas e Técnicas Singulares Bases Antárticas Españolas, composta pola BAE Juan Carlos I e a BAE Gabriel de Castilla e os buques oceanográficos, BO Sarmiento de Gamboa e BIO Hespérides.

O BO Sarmiento de Gamboa é o de maior capacidade de investigación da frota oceanográfica do MINECO, e está preparado para operar en calquera océano. Desde a súa posta en funcionamento, no ano 2008, realizou múltiples campañas e conta con dúas tripulacións de 16 homes e mulleres, que durante a campaña antártica amplíanse a 21. Na campaña do 2016, transportou desde Vigo o material necesario para poñer en funcionamento ambas as bases, situadas unha na illa Livingston e a segunda na Decepción; e ademais todo o material necesario para a finalización da remodelación da BAE Juan Carlos I, financiada polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e operada pola UTM do CSIC. En total transportou unhas 90 toneladas de material.

O CSIC desempeñou un papel moi relevante na xestión e operación destas ICTS, pois a través da Unidade de Tecnologúa Mariña (UTM) é responsable da xestión integral do BO Sarmiento de Gamboa e do soporte técnico e loxístico do BO Hespérides da Armada. Ademais, asume a responsabilidade da organización loxística das actividades antárticas/árticas que se desenvolven ao amparo e baixo a coordinación do Comité Polar Español, dependente do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.