O traballo do proxecto MetBioCat da USC, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas e financiado coa axuda Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación, ofrece cada pouco saborosos froitos. En setembro de 2016, o grupo, pertencente ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da USC fixo pública a demostración, por primeira vez, da posibilidade de introducir enzimas artificiais no interior das células para provocar transformacións químicas que non existen na natureza. O deseño destes compostos supón un dos maiores retos que se sitúan na fronteira entre as disciplinas da química e a bioloxía celular.

Con este avance, podería alterarse de forma selectiva o funcionamento da célula

O resultado desta investigación foi publicado en Nature Communications. Xunto a Mascareñas, tamén participaron os investigadores María Tomás, Miguel Martínez e José Couceiro. Empregaron un complexo metálico composto por rutenio que é capaz de atravesar as membranas celulares e acumularse de forma preferente na mitocondria. Este composto conseguiría inducir a transformación de substratos esóxenos e xerar produtos activos. Deste xeito, sería posible alterar de forma selectiva o funcionamento da célula, mediante a introdución de substratos inertes que se converten en activos só cando se atopan co catalizador.

Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.

Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.

Esta metodoloxía abriu a porta ao desenvolvemento de ferramentas que poderían permitir manipular a vida celular de xeito programado, coa vista posta no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas, segundo informan desde a USC.

“Temos que ser prudentes”, afirmaba, de todos modos, o profesor José Luis Mascareñas. “Trátase dunha investigación dirixida á xeración de coñecemento novo; aínda hai moito que facer e averiguar ata que poidamos pensar en posibles aplicacións prácticas. Son proxectos de alto risco que presentan moitas dificultades, entre outras, polos problemas de biocompatibilidade entre complexos metálicos non naturais e as células de organismos vivos”, sinalou Mascareñas.

“Temos que ser prudentes; aínda hai moito que facer”, sinala Mascareñas

Este grupo de investigación xa fora capaz de demostrar a posibilidade de introducir substancias metálicas con rutenio no interior das células. O avance deste novo estudo recaía na introdución destes compostos nas mitocondrias, uns orgánulos que actúan como fonte de enerxía para moitas das tarefas que realizan os seres vivos.