O químico Ignacio Ribas Marqués foi o homenaxeado en 2016 no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co vixésimo aniversario do falecemento do investigador, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta do papel de Ribas como artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, continuado pola numerosa escola de discípulos aos que formou.

Ribas, cos premios Nobel de Química Fritz Haber e Richard Willstater e o Premio Nobel de Medicina Ulf von Euler.

Ribas, cos premios Nobel de Química Fritz Haber e Richard Willstater e o Premio Nobel de Medicina Ulf von Euler.

Aínda que o acto académico de homenaxe tivo lugar o 8 de outubro (coincidindo coa data de nacemento do Padre Feijoo), as actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Ribas, que foi membro fundador da RAGC, iniciáronse no primeiro trimestre do ano, coa colaboración das institucións científicas vinculadas ao investigador e da Fundación Barrié.

Ribas foi moi reivindicativo desde o comezo da súa carreira co financiamento da ciencia e coa conexión da investigación co progreso de calquera sociedade. Durante a inauguración do curso 1930-31 na Universidade de Salamanca, recén nomeado catedrático, aproveitou a súa intervención para defender que a investigación era o mellor método de ensino da química, denunciou o estado das universidades españolas –ás que acusaba de ser meras fábricas de títulos, “pobrísimas en produción científica”– e pediu que se aumentase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores.

Nese mesmo discurso, nunha achega visionaria tendo en conta que se producía hai case noventa anos, aseguraba que onde hai moita ciencia hai moita industria. “Os países que non teñen ciencia son pobres, viven unha vida moral e material mediocre. No moral, son escravos dos prexuízos que enxendra a ignorancia. No material, viven sometidos aos poderosos”, afirmou. Esta visión levouno a apoiar a entrada de moitos dos 68 doutores aos que lle dirixiu a tese no sector empresarial para aplicar na industria o saber adquirido, nun esforzo moi particular a favor da transferencia de coñecemento, que el mesmo practicou colaborando con empresas como Zeltia, na actualidade Pharmamar.

Enfocou a moitos dos 68 doutores que formou ao mundo da química na empresa en Galicia

Ignacio Ribas Marqués naceu en Palma de Mallorca en 1901 e viviu desde 1942 en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1996. Logo de obter a súa licenciatura en química na Universidade de Valencia, iniciouse na investigación na Universidade de Madrid, como discípulo do prestixioso Antonio Madinaveitia, o seu director de tese. Completou a súa formación no Instituto Pasteur de París durante dous anos e en 1927 comezou a impartir clase en Madrid, ata que no ano seguinte gañou as oposicións á cátedra de química orgánica da Universidade de Salamanca, onde permaneceu ata 1941.

Durante ese período, entre 1934 e 1936, dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas fundou na Universidade de Salamanca. Logo da Guerra Civil, os seus méritos científicos e a súa consideración como o mellor continuador da escola moderna de química orgánica, que o convertían no candidato mellor situado para ocupar a cátedra na Universidade de Madrid, víronse superados por motivos políticos e o posto foille outorgado a outra persoa máis afín ao réxime franquista.

Ribas tiña distincións como a Medalla Castelao ou a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio.

Ribas tiña distincións como a Medalla Castelao ou a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio.

A pesar de que o seu mestre, Madinaveitia, e moitos dos seus colegas decidiron exiliarse, Ribas preferiu quedar e, tras un breve paso por Valencia, en 1942 fíxose coa cátedra de química orgánica e bioquímica da Universidade de Santiago de Compostela, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971.

Durante esta etapa, Ribas centrou as súas investigacións na obtención de produtos naturais procedentes de prantas autóctonas e da cortiza, co obxectivo de identificar novas substancias e poñelas en valor. Este labor foi o que lle valeu o maior recoñecemento a nivel internacional e o que creou unha escola con numerosos discípulos en Santiago.

O estudo dos compoñentes da cortiza permitiulle obter dela substancias con aplicacións na industria da perfumería. Tamén investigou a hormona xuvenil dos insectos, co obxectivo de desenvolver un insecticida ecolóxico, e o cornecho do centeo, este último en colaboración co Instituto Miguel Servet co fin de obter alcaloides con aplicacións médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o sangrado despois do parto.

Sen embargo, o obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A xesta, a carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes tan curiosos como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.

Até mediados da dictadura non se recoñeceu oficialmente o seu traballo. Un dos pasos fundamentais neste sentido foi a concesión de apoio para a fundación e dirección do laboratorio de química orgánica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Santiago, que foi o xerme do actual Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas.

Entre as súas distincións está a Medalla Castelao e a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio

Autor de 157 publicacións científicas, cofundador e primeiro presidente do Grupo Especializado de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Física e Química e creador da escola compostelá de química de produtos naturais, de gran prestixio internacional, Ribas Marqués deixou unha impronta en Galicia que estaba pendente de dar a coñecer á sociedade. No seu gremio, fóra xa recoñecida polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que lle puxo o nome do científico aos seus premios.

Co paso dos anos, obtivo numerosas distincións, como a Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca, o Premio de Ciencias do CSIC, a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X El Sabio e o nomeamento como Doutor Honoris Causa pola Universitat de les Illes Balears. En Galicia, na liña do Premio Galicia de Investigación de 1987 e da Medalla Castelao da Xunta de Galicia que lle foi outorgada en 1991, a RAGC reinvindicou a súa figura dedicándolle o Día da Ciencia.