O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) foi recoñecido en abril de 2017 como Unidade de Excelencia María de Maeztu, o que lle aportará un financiamento de dous millóns de euros nos próximos catro anos e a posibilidade de ofrecer oito contratos predoutorais. Esta acreditación é achegada pola Axencia Estatal de Investigación.

O IGFAE, dependente da USC e da Xunta, creouse no ano 1999, e céntrase na investigación destinada a mellorar a comprensión da estrutura da materia e o Universo, así como as súas aplicacións tecnolóxicas en diversos eidos, que van desde a microelectrónica ou a enerxía solar ata a física de partículas. De feito, é un dos centros de investigación que colabora co proxecto do acelerador de partículas do CERN. Está dirixido actualmente por Carlos Salgado.

Grazas a este recoñecemento, o IGFAE poderá aumentar os seus esforzos para a atracción e retención do talento investigador, especialmente nos perfís máis axeitados para os proxectos do European Research Council. iso defínense accións que inciden nas fases iniciais da carreira científica, onde os investigadores poden optar a Starting ou Consolidator Grants (ata a data, dous investigadores do Instituto acadaron unha Starting Grant). A formación de novos científicos, tanto na fase de doutoramento como o comezo do posdoutoramento, é outra das bases na estratexia de talento.