O premio Nobel de Física en 2012Serge Haroche (Casablanca, 1944) visitou en xullo de 2017 Galicia, como convidado do Programa Conciencia da USC, que conta co apoio do Consorcio de Santiago. Durante  a súa estancia, o físico francés participou en varios actos públicos, entre os que destacou unha conferencia pública titulada ‘Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica’.

Haroche, investigador e profesor no Collège de France (París ), recibiu o Premio Nobel xunto con David J. Wineland por descubrir uns innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais.

Nado en Marrocos, Haroche trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou a quen sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Recibiu o galardón por conseguir medir e manipular sistemas cuánticos individuais

A medida que nos achegamos aos compoñentes máis minúsculos do universo, a nosa comprensión habitual de como funciona o mundo deixa de aplicarse. Nese campo, o da física cuántica, fanse patentes novas regras que parecen sorprendentes, como a que di que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento.

Diante desta afirmación, nos anos 80 do século pasado Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Así, deu capturado e estudado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos de xeito que facía pasar átomos a través dela.

Co seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles, algo considerado ata entón inexpugnable, senón tamén controlalos, o que supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.