Miguel Ángel Ríos
Miguel Ángel Ríos.

Miguel Ángel Ríos.

Desde a súa aparición sobre a faciana da terra e ata o momento actual, sempre, o ser humano mantivo unha relación connatural e obrigada co resto da natureza da que forma parte. É a relación que un ser intelixente e libre, capaz de actuar en contra dos seus propios instintos, en contra da natureza e mesmo en contra de si mesmo, mantén coa súa contorna. Unha relación que foi evolucionando ao longo do tempo, sempre orientada e movida por dous vectores básicos, de tipo innato: un é a curiosidade do ser humano por coñecer a natureza e entender os fenómenos naturais; o outro é a súa loita permanente pola subsistencia e o benestar. En cada época do desenvolvemento da humanidade, desde o homo habilis ata o momento actual, estas tendencias tiveron respostas distintas, que foron marcando o desenvolvemento e tamén os modos de vida; é dicir, a cultura.

Nos seus momentos iniciais, a relación foi practicamente simbiótica, baseada na simple observación e no consumo de produtos naturais, como froitos, raíces, a caza e a pesca, dando lugar a unha poboación nómade, que se desprazaba en función da existencia deste tipo de recursos. Non hai sistema produtivo. Esta época esténdese practicamente ata o final da prehistoria.

Con todo, a constante observación do comportamento das plantas e dos ciclos da natureza, xunto con condicións climáticas favorables e probablemente a escaseza de recursos de caza, propiciaron a aparición, aínda no neolítico, das primeiras experiencias agrícolas, habidas en distintos lugares, un deles o denominado Crecente Fértil na zona de Oriente Próximo. A progresiva implantación da agricultura, apoiada polo descubrimento da roda e outros avances, deu lugar á aparición dun sistema produtivo e unha actividade económica nos que a posesión de terras converteuse en fonte de riqueza e de poder. Iso xerou un novo modo de vida, unha nova cultura, co abandono da vida nómade e a aparición de asentamentos de poboación estables. Esta etapa de relación do ser humano coa natureza, baseada na economía agrícola, iníciase co comezo da idade antiga e, en continuo progreso, esténdese practicamente ata a idade contemporánea. É un período longo, no que apareceron as grandes civilizacións, o coñecemento era apriorístico e as tecnoloxías eran empíricas, maioritariamente artesanais, aínda que, cara ao final, experiencia e razón se aliaron dando os primeiros pasos no camiño da nova ciencia.

Coa aparición da máquina de vapor, mellorada por James Watt a finais do século XVIII, deu comezo o que, con carácter xeral, podemos chamar a era industrial. Nela fóronse producindo cambios acelerados que veñen sendo catalogados como revolucións industriais, nas que o coñecemento vai gañando peso.

A primeira revolución industrial (1750-1830) estivo marcada pola introdución da máquina de vapor e a súa incorporación ao transporte, así como polo desenvolvemento das industrias téxtil e do ferro. O sistema produtivo cambiou, a economía agraria transformouse en economía industrial, coas materias primas e as máquinas para a súa transformación como fonte de riqueza e de poder. Este cambio de paradigma foi acompañado de grandes cambios no modo de vivir -na cultura -, sobre todo na organización do traballo, na distribución territorial da poboación e na súa relación rural-urbana.

A chamada segunda revolución industrial (1870-1914) caracterízouse pola extensión da mecanización, pola produción en serie, pola produción en masa de ferro e de aceiro, polo comezo da industria do automóbil e pola incorporación de novas fontes de enerxía, como o petróleo e a electricidade. Foi unha continuación lóxica da primeira.

Na terceira revolución industrial (1980 – 2010) incorporáronse, como elementos distintivos, a dixitalización, a microelectrónica, a computación, internet, teléfonos celulares, etc. e as enerxías renovables, ademais doutras tecnoloxías importantes. Aquí produciuse un cambio claro de paradigma, un novo tipo de sistema produtivo, co coñecemento como elemento xerador de riqueza e de poder. As repercusións culturais foron e estan sendo profundas.

Xa nos momentos actuais vaise camiño da chamada industria 4.0, na que se pon en práctica unha nova maneira de organizar os medios de produción a base da interconexión de todos os elementos e sistemas na cadea de valor. Con ela avánzase cara a unha cuarta revolución industrial, na que toman protagonismo o internet das cousas, a hiperconectividade, a minería de datos e big data, as tecnoloxías 3D, a intelixencia artificial, a robótica superavanzada, as smart cities, xunto con outras tecnoloxías como as biotecnoloxías e as nanotecnoloxías, etc. O coñecemento intensifica o seu papel e está a producir un cambio fundamental na organización do sistema productivo e no modo de vivir, un cambio que xa está ahí e para o que non estamos preparados.

A curiosidade do ser humano, potenciada pola nova ciencia -baseada na experiencia e na razón -profundou moito no coñecemento da natureza e das súas leis, alcanzando logros nunca soñados. Dicía Einstein na súa carta a Carl Seelig: “Non teño ningún talento especial. Só son apaixonadamente curioso”.

Por outra banda, os avances tecnolóxicos asociados ao progreso científico dos últimos tempos non só deron lugar a múltiples aplicacións útiles para mellorar as actividades básicas xa coñecidas, como a agricultura e a pesca, así como a propia actividade industrial, senón que, ademáis, abriron novos horizontes tecnolóxicos en todos os ámbitos.

Os cambios de paradigma sucédense de modo acelerado. Como explica Alvin Toffler no seu libro Powershift, a fonte de riqueza e de poder xa non está na posesión de terras, nin tampouco nas materias primas e a maquinaria para a súa transformación. Hoxe a fonte de riqueza e de poder está no coñecemento, na ciencia e a tecnoloxía. Nos países avanzados máis do 80% do capital empresarial é capital intanxible. Trátase dun novo sistema produtivo baseado maioritariamente no coñecemento. Ademais, os avances tecnolóxicos das últimas décadas veñen producindo cambios drásticos no modo de vivir, é dicir, na cultura. Camiñamos cara unha nova revolución.

Esta é a realidade actual. Se quere progresar sostidamente, Galicia ten que apostar pola ciencia e a tecnoloxía, empezando polo capital humano. Non queda outra. O mellor camiño para conseguilo, a longo prazo, é, sen dúbida, trasladar a ciencia á sociedade galega para lograr unha sociedade cientificamente culta e convencida da importancia que ten a ciencia, e isto nun triplo aspecto:

En primeiro lugar, para algo tan necesario no mundo de hoxe como é enriquecer o espírito humano co coñecemento da verdade, escrita na natureza e dar así utilidade á ciencia pura, ao “inútil”, parafraseando a Nuccio Ordine.

En segundo lugar, para algo tan importante como é xerar riqueza e garantir a subsistencia e o benestar da poboación, a través das súas aplicacións útiles.

Como dicía Louis Pasteur: “A ciencia é a alma da prosperidade das nacións e a fonte de todo progreso”.

Finalmente, para evitar que o ser humano, en mal uso da súa liberdade, utilice, directa ou indirectamente, o inmenso poder da ciencia e a tecnoloxía actuais en contra da propia natureza ou de si mesmo, con posibles consecuencias catastróficas. Velar pola ética no desenvolvemento e aplicación da ciencia.

Só así a sociedade poderá actuar como garante de que se cumpra este gran obxectivo.

Por iso, este labor de mentalización social é un dos principais desafíos da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Neste espírito inscríbese o Día da Ciencia en Galicia. Se a ciencia é un ben apreciable para a sociedade -e así é, en grao máximo -ha de ter a súa celebración solemne, unha celebración sentida e participada por parte de todos os galegos e as galegas.

É xusto e conveniente tamén que a sociedade recoñeza e poña en valor o traballo e o esforzo daqueles que se distinguiron en promover e desenvolver a ciencia en Galicia. Por iso a RAGC, con motivo do Día da Ciencia en Galicia, elixe cada ano a un Científico Galego do pasado, para renderlle homenaxe. Neste ano 2017, o décimo, hónrase ao Pai Baltasar Merino, pioneiro da meteoroloxía e a botánica en Galicia, un bo exemplo para todos nós.

Desde aquí quero convidar a todas as galegas e os galegos a participar nestas celebracións e sobre todo a reivindicar a ciencia para Galicia. Se desexamos unha Galicia mellor, fagámolo!