Máis de 300 nenos e nenas de Pontevedra participaron na edición de 2017 de Pontenciencia, un certame científico que esperta o pensamento crítico, a creatividade e a capacidade de resolución de problemas dos alumnos e alumnas dos colexios da cidade. Durante os días 2, 3 e 4 de xuño, as instalacións da Escola de Enxeñaría Forestal acolleron 18 experimentos de diversos eidos que os rapaces explicaban aos visitantes.

O gañador do certame foi o colexio San Martiño. Os alumnos de 5º desenvolveron dous proxectos sobre o corpo humano. Por un lado, desenvolveron “Soprarei e soprarei” no que mediron a capacidade pulmonar, e os factores que inflúen en que aumente ou diminúa. Por outra banda, elaboraron “Con moito tacto” para descubrir cales son as zonas da pel que teñen máis sensibilidade á presión, sendo finalmente as xemas dos dedos. Os estudantes de 6º comprobaron, pola súa parte, o nivel de vitamina C de varias froitas e analizaron a conductividade da auga destilada, da billa, azucrada e salgada.
Os colexios Santo André de Xeve o Príncipe Felipe foron galardoados co segundo e terceiro premio, respectivamente.

Na categoría de “Ciencia en familia”, os gañadores foron os Abad Castro, que recibiron o premio Marie Curie. O seu traballo titulábase “Os números da escala musical“. O segundo premio foi para a familia Budiño Rodríguez, polo seu traballo de investigación titulado “Cos pés na area“, no que chegaron a recoller area de 26 praias da ría de Pontevedra. O terceiro premio, que levaba o nome de Ángeles Alvariño, foi para a familia Souto Vilameá polas súas investigacións tituladas “Ondiñas veeeñen e vaan!“.

Colexio de San Martiño, gañador de Pontenciencia.

Colexio de San Martiño, gañador de Pontenciencia.

Durante a feira, os escolares tamén puideron gozar das múltiples actividades que complementaban a presentación de proxectos, como os obradoiros de fabricación de obxectos con impresoras 3D empregando a pataca como fonte de enerxía, de experimentación con música electrónica ou sobre un achegamento sensorial á illa de Sálvora. A EE Forestal acolleu tamén a exposición Mulleres Faro, que busca achegar aos nenos e nenas ás traxectorias de científicas, escritoras ou artistas.

Pontenciencia está organizada polo Concello de Pontevedra e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (Fecyt). O certame parte das propostas formuladas por un comité científico integrado por profesorado da UVigo. Ao longo do curso, os alumnos dos centros educativos pontevedreses desenvolven os traballos nas aulas. Como colofón ao ano académico, expoñen e defenden os seus resultados ante o xurado, formado por investigadores e investigadoras da Universidade. Amais do concurso escolar, Pontenciencia tamén conta cun proxecto de experimentos feitos en familia, no que fillos, pais e nais desenvolven os seus experimentos no fogar.