Os acenos son moléculas constituídas pola fusión lineal de formas hexagonais baseadas en carbono, amplamente coñecidas como «aneis de benceno». Malia a súa simplicidade estrutural estas moléculas teñen atraído unha enorme atención, debido ás súas singulares propiedades electrónicas, que teñen fascinado aos científicos ao longo das últimas décadas.

Non obstante, os acenos máis longos son moléculas inestables, ás que non é posible acceder a través de fontes naturais. A alternativa obvia é tratar de obtelas mediante síntese química, pero esta aproximación convértese nun desafío maior conforme aumenta a lonxitude da molécula que se pretende deseñar.

Nun novo traballo que sairá á luz proximamente na edición internacional da revista científica Angewandte Chemie, científicos do CiQUS e o Instituto de Ciencia de Materiales e Centro de Electrónica Avanzada da Universidade Técnica de Dresde – TUD conseguiron sintetizar o escurridizo decaceno, unha molécula formada pola unión lineal do dez aneis de benceno: o aceno de maior lonxitude xamais desenvolvido. Ao longo desta colaboración, dirixida polos profesores Diego Peña (CiQUS) e Francesca Moresco (TUD), o equipo de químicos do CiQUS preparou mediante química en disolución os precursores que posteriormente usarían os físicos do TUD para preparar a molécula final de decaceno sobre unha superficie de ouro e en condicións de ultra-baleiro, conseguindo estabilizar este composto extremadamente reactivo.

Os resultados deste traballo demostran que as colaboracións entre químicos sintéticos e científicos especializados en superficies poden conducir á resolución de desafíos históricos no ámbito da química, como evidencia esta investigación. O estudo foi desenvolvido no marco do proxecto europeo PAMS, orientado á fabricación de dispositivos electrónicos a escala nanométrica (Planar Atomic and Molecular Scale devices), e os seus autores dedicárono á memoria do profesor Erich Clar, amplamente considerado un pioneiro no campo da química de acenos.