Un laboratorio de Santiago de Compostela traballa cos supostos restos de Thomas Sankara, coñecido como o ‘Che Guevara’ africano, asasinado a tiros en Burkina Faso hai tres décadas. A súa morte provocou unha conmoción en toda África.

O Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro é o lugar onde se atopan agora os restos humanos, para realizar a análise definitiva de ADN que permita determinar se corresponden ao líder panafricano. O laboratorio, que fora fundado polo xenetista Ángel Carracedo, é agora dirixido por María Victoria Lareu, coñecida nos medios por ter resolto o caso do asasinato de Eva Blanco. Especializados no estudo de restos xenéticos moi degradados, como os das vítimas da Guerra Civil, o centro compostelán é a derradeira esperanza para pechar un caso xudicial que esperta gran expectación en toda África.

Fidel Castro condecorando a Thomas Sankara.

Fidel Castro condecorando a Thomas Sankara.

Thomas Sankara (1949- 1987) foi un capitán militar e panafricanista que presidiu Burkina Faso de 1983 ata 1987. Figura carismática da revolución, foi el quen decidiu cambiar o nome do seu propio país, denominado Alto Volta polos colonizadores franceses, e agora Burkina Faso: “O país dos homes íntegros”. No seu mandato, promoveu medidas para eliminar a corrupción, unha fonda reforma agraria e rematar coa débeda externa que afogaba ao país. Outras medidas moi aplaudidas no mundo foron a súa campaña de vacinación de 2,5 millóns de nenos contra a meninxite e a febre amarela. Ou a plantación de dez millóns de árbores para frear a desertificación do Sahel. Tamén prohibiu a ablación do clítoris, os matrimonios forzados e a poligamia, medidas polas que foi aclamado como feminista nun país cunha cultura retrógrada.

Pero a popularidade internacional de Sankara petou contra os sectores máis conservadores do país. Ata que foi derrocado e asasinado nun golpe de estado liderado polo seu excolaborador Blaise Compaoré, o 15 de outubro de 1987. O cambio de réxime contou coas simpatías da antiga potencia colonial, Francia.

Campaoré, o asasino de Sankara, vive protexido en Costa de Marfil

Compaoré gobernou con man de ferro ata ser derrocado en 2014. O seu goberno foi un dos máis corruptos da historia de África, ademais de apoiar ao criminal de guerra liberiano Charles Taylor. Tras ser expulsado do poder o presunto asasino do Che Guevara africano refuxiouse na veciña Costa de Marfil, onde está protexido e ten un compromiso de non ser entregado á Corte Penal Internacional.

Pero nos últimos dous anos, o novo goberno de Burkina Faso quere facer xustiza con Thomas Sankara. Primeiro foron exhumados os supostos restos do líder panafricano, xunto a outros 12 colaboradores. Pero as primeiras mostras levadas a un laboratorio de Marsella foron negativas: non había ADN dabondo para emitir unha identificación certificada. Por iso, a xustiza de Burkina Faso recorreu ao laboratorio compostelán.

O xuiz encargado do caso Sankara en Burkina, François Yaméogo, xa inculpou a catorce persoas, encabezadas por Blaise Compaoré e o tamén xeneral golpista Gilbert Diendéré. O Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro de Santiago de Compostela ten a clave para que se faga xustiza con Sankara, o Che Guevara africano, tres décadas despois do seu asasinato.