Por segundo ano consecutivo, enxeñeiros da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo acadaron en 2016 o premio da fase rexional galega do Concurso Europeo de Navegación por Satélite, ESNC 2016, ou Galileo Másters, que promove a Axencia Espacial Europea, ESA, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, coa participación en Galicia do Consorcio da Zona Franca de Vigo, co obxectivo de recoñecer as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite e busca os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá.

O catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García e o investigador do Grupo Sistemas de Radio Daniel Gómez recolleron, nunha gala celebrada en Madrid, o premio que os acredita como gañadores da fase rexional do premio, á que concorreron outros 25 proxectos galegos, xestados noutras universidades, centros tecnolóxicos e empresas, e aos que se suman outras 713 iniciativas chegadas de rexións e países de todo o mundo. Concretamente, Galicia confirmouse este ano como a sexta rexión do mundo con máis proxectos presentados ao certame, situándose por detrás de Asia, Polonia, o estado alemán de Hesse, Reino Unido e Francia e por diante da rexión belga de Flandes, Andalucía, Cataluña, Noruega e Austria.

A delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, cos galardoados.

A delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, cos galardoados.

O proxecto co que Manuel García e Daniel Gómez acadaron o premio, GNSS assisted drone landing system, é un radar pasivo biestático, un sistema para axudar a aterrar drons en circunstancias desfavorables, con néboa ou fume, durante a noite ou en casos nos que a plataforma para aterrar se atope en movemento, como un barco. “O sistema irá completamente a bordo do dron, non sendo precisa a instalación previa de infraestrutura no punto de aterraxe. É lixeiro e de baixo consumo, o que o fai especialmente axeitado para drones. Ademais é preciso e fiable”, explica Manuel García en relación con este tipo de radares, que ademais non emiten sinais de radio, senón que aproveitan as emisións de doutros sistemas, neste caso dos satélites do sistema de navegación europeo Galileo e do americano GPS. Ambos os dous enxeñeiros da EE de Telecomunicación, que no concurso do ano pasado quedaron terceiros coa proposta Galileo Firefighter, consideran este galardón un recoñecemento “que vén a confirmar a nosa capacidade, baseándonos nos coñecementos que resultan das liñas de investigación, propoñer solucións novidosas a problemas reais”. Unha idea que comparte Francisco Javier Díaz-Otero, docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e coordinador rexional do concurso, que destaca que “dado que a competencia e calidade das propostas aumenta ano a ano, indubidablemente, e así o manifestou o xurado avaliador rexional, amosa o grao de innovación e potencial da idea gañadora. Isto indica, a súa vez, o grao de preparación técnica e competencia en proxectos e ideas innovadores dos estudantes e grupos de investigación da Universidade”.

Galicia foi a sexta rexión europea con máis proxectos presentados ao premio

A idea gañadora da fase rexional galega do ESNC 2016 é o resultado da liña de investigación radar pasivo biestático que desenvolve desde o ano 2015 o Grupo Sistema de Radio, que forma parte de AtlantTIC. “Neste intre estamos a construír un prototipo funcional co que levar a cabo unha proba de concepto e a nosa intención é desenvolver un produto totalmente comercial que estea no mercado a finais de 2018”, explican os enxeñeiros, que inciden nas vantaxes deste tipo de radares fronte aos convencionais. “O feito de que no emitan sinais de radio fainos moi silenciosos e reduce os posibles problemas de interferencias. Ademais fai que sexa moi difícil detectar a súa presenza”, sinala Daniel Gómez, que explica que a idea gañadora é só unha das posibles aplicacións dos radares biestáticos.

Como docente e investigador da EE de Telecomunicación Manuel García ten claro que si a Escola acadou por segundo ano consecutivo o premio ESCN non é unha casualidade, “senón a consecuencia lóxica do alto nivel de I+D+i acadado. Iso fai que o número de ideas presentadas por grupos da Universidade sexa elevado, o que aumenta as posibilidades de que algunha delas sexa a gañadora”, apunta.

Zona Franca tamén premia aos gañadores cun programa empresarial nas súas aceleradoras

Coa organización do Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo, a Axencia Galega de Innovación e Marine Instruments, colaboraron na fase galega do concurso, que premia ás e aos gañadores cun programa de incubación, dun ano de duración, nun dos centros de iniciativa empresarial xestionados por Zona Franca. “Os gañadores recibirán asistencia á posta en marcha para desenvolver unha compañía en esta etapa inicial, o acceso ao capital semente, a formación a través dunha rede de asesoría, apoio de infraestruturas e consultoría intensiva. Trátase de acompañar ao emprendedor a través da maduración, financiamento e execución do proxecto gañador e se este avanza segundo o planeado, participará na ronda anual de inversores no acelerador de negocios ViaGalicia, promovido polo consorcio de a Xunta de Galicia”, detalla Francisco Javier Diaz-Otero.

O coordinador da fase rexional do concurso cre que o elevado número de propostas presentadas desde Galicia consolida a súa posición na contorna europea como referente na achega de ideas e emprendemento en tecnoloxías de navegación vía satélite. “Sendo esta a nosa segunda edición neste concurso, achegamos maior número de ideas que rexións europeas que tradicionalmente son referencia en tecnoloxía e innovación e abre o camiño a novas sinerxías con empresas e organismos europeos que sitúan xa a Galicia no mapa das rexións con potencial interese neste campo”, asegura o docente e investigador da Universidade de Vigo.