A praga da couza de Guatemala avanzou exponencialmente en Galicia desde a súa detección, en novembro de 2015, nos concellos de Ferrol, Narón e Neda. Ano e medio despois, en febreiro de 2017, a corentena xa se estendera a 31 concellos afectados e unha área de seguridade doutros 16, todos situados en comarcas do norte das provincias de Lugo e A Coruña. En conxunto, estes municipios sumaban xa o 17,2 por cento do territorio de Galicia, un total de 3.186 quilómetros cadrados.
No mes de febreiro, o Diario Oficial de Galicia publicou as medidas fitosanitarias que se deben levar a cabo para facer fronte á praga. Os agricultores dos concellos afectados deberon retirar e destruír todos os tubérculos danados, realizando tratamentos específicos para a súa eliminación. Ademais, tiveron que colocar trampas para a captura do insecto responsable da doenza, e desinfectar os almacéns dos comercializadores. Ademais, quedou prohibido extraer pataca nas zonas demarcadas.

Nestas zonas, os agricultores están obrigados a colocar trampas de captura con feromona sexual, aplicar os insecticidas recomendados, utilizar semente libre de praga (certificada mediante garantía sanitaria) realizar tratamentos con materias autorizadas polo Ministerio de Agricultura e retirar e destruir todos os tubérculos danados, así como os restos da colleita.
Do mesmo xeito, Xunta e Ministerio recomendan preparar o terreo e desenterrar os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos, enterrar a semente a unha profundidade mínima de 15cm e tapala ben para evitar o acceso das larvas, eliminar as plantas de colleitas anteriores que broten durante as primeiras etapas de cultivo, aporcar por ambos lados e a unha altura mínima de 25-30 cm e facer rotación de cultivos.

Ademais, a praga estendeuse desde Galicia ao Principado de Asturias, onde en poucos meses ocupou toda a costa, dende Vegadeo ata Ribadedeva, nun total de 240 quilómetros. E detectouse tamén en municipios do interior do Principado. Na primavera, o Boletín Oficial do Principado adoptou tamén a normativa desenvolvida polo Ministerio de Agricultura para frear a expansión da praga, decretando a prohibición de sementar en numerosos municipios.

A praga está provocada polo insecto Tecia solanivora Povolny. Este becho ten capacidade de atacar ás patacas tanto no campo como en almacén. Os exemplares adultos son nocturnos e voan distancias curtas. Cando actúan no campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran en tubérculos e aliméntanse deles construíndo galerías que acaban destruíndo completamente o tubérculo. No caso de actuar no almacén, os insectos poñen os ovos nos tubérculos e poden chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados ou na terra cultivada. Non ten ningún problema para a saúde humana, nin tampouco de seguridade alimentaria, pero acaba por estragar totalmente as colleitas.

Esta praga é unha das de maior prexuicio económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos que se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado nas illas Canarias en 1999. A Tecia solanivora é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.