Gonzalo López Lorenzo, membro do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC foi galardoado en xaneiro co Premio European PCV2 Award, un certame anual convocado pola multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim e a través do que se distinguen os tres mellores proxectos de investigación europeos sobre Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2).

A proposta presentada por López Lorenzo leva por título ‘Aplicación da detección ambiental do PCV2 a través do emprego da no estudo epidemiolóxico da infección’. Esta liña de traballo capitaliza a as tarefas que está a realizar o propio Gonzalo López ao abeiro da tese de doutoramento que está a desenvolver no Departamento de Patoloxía Animal da USC baixo a dirección do profesor Gonzalo Fernández, que tamén forma parte do Invesaga da USC, un equipo catalogado pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva.

O premiado é doutorando no Campus Terra da USC

O proxecto de I+D+I presentado por este investigador do Campus Terra da USC a este premio europeo propón a aplicación de detección deste virus en mostras ambientais por qPCR (análise en tempo real da reacción en cadea da polimerasa), coa pretensión de poder determinar a diseminación e a transmisión do virus nas explotacións, ademais de testar a influencia da vacinación na eliminación do axente vírico polos animais.

Os resultados obtidos ao final deste proceso de investigación permitirán establecer medidas máis eficaces e eficientes en relación ao control e á prevención deste virus, segundo argumenta este doutorando da USC. Gonzalo López, que completou os estudos do grao de Veterinaria do Campus Terra da USC, expuxo a metodoloxía de traballo, así como o alcance e os obxectivos finais do proxecto de I+D+i galardoado no marco da cerimonia de entrega, que se celebrou en febreiro na cidade francesa de Lyon.

O traballo realizado por Gonzalo López foi revisado un comité científico independente, cuxos integrantes se ocuparon de seleccionar as tres mellores propostas de investigación chegadas a nivel europeo e orientadas a avanzar no campo da inmunidade, patoxenia e epidemioloxía do PCV2. Xunto ao estudo do doutorando chantadino, foron premiadas outras dúas liñas de traballo deseñadas por un equipo de Zurich e outro de Edimburgo. O premio foi entregado en febrero en Lyon.