Outubro de 2016 marcou un fito para o novo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE), que iniciou unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral e a sinatura dos seus primeiros contratos con entidades públicas e privadas.

O elixido para dirixir o Cinae foi o enxeñeiro barcelonés da Axencia Espacial Europea, ESA, Antonio Castro García. Con 28 anos de experiencia profesional no sector aeroespacial Castro comezou traballando en comunicacións por satélite en Telefónica e posteriormente en misións de espazo profundo e interplanetarias no Jet Propulsion Laboratory da NASA en California e desde 1998 traballa na Axencia Espacial Europea, onde desempeñou o seu labor principalmente no centro tecnolóxico de ESTEC en Holanda, e tamén no ESRIN, en Roma, e no Centro Espacial de Toulouse da Axencia Espacial Francesa (CNES). Ata a súa incorporación ao CINAE desenvolvía a súa actividade no centro de operacións da ESA (ESOC) en Darmstadt, Alemaña.

Castro colaborou co equipo do investigador e docente da Universidade de Vigo Fernando Aguado nos proxectos Xatcobeo e Humsat.